InicioM.ambiente e PatrimonioLocalizan un novo castro en Barreiros que gardaría unha sauna castrexa, a...

Localizan un novo castro en Barreiros que gardaría unha sauna castrexa, a sétima de Galicia

Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo indican que o xacemento, en A Maradona, conta con 110 metros de longo por 50 de ancho e unha edificación cun muro recto duns tres metros

Publicada o

- Advertisement -

As asociacións Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo anunciaron este xoves a localización dun novo castro no lugar de A Maradona, parroquia de San Xusto de Cabarcos, no concello de Barreiros.

Así o indican as agrupacións a través dun comunicado de prensa, no que expoñen que o novo sitio arqueolóxico “foi localizado trala corta no monte de eucaliptos, que ocultaban o xacemento”. O castro, que está situado nun esporón rochoso a modo de península, formada entre o río Masma e o rego Puxigo, ten uns 110 metros de longo por uns 50 de ancho.

“No ismo desta península atópase un impresionante foxo picado na rocha que se converte dobre na metade do seu traxecto. Xa no interior do castro, xusto na entrada, apréciase unha edificación parcialmente desenterrada na que se pode ver un muro recto duns tres metros, que remata nunha cabeceira semicircular. Esta edificación semella que conserva o arranque dunha falsa bóveda construída por aproximación de fiadas. Tanto polas características desta construción como pola súa ubicación podería tratarse dunha sauna castrexa“, explican os colectivos.

SERÍA A CUARTA CONSTRUCIÓN DESTE TIPO CONFIRMADA EN A MARIÑA E ORTEGAL

Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo resaltan que de confirmarse esta descuberta tería unha grande importancia arqueolóxica, posto que en Galicia só se coñecen seis saunas castrexas: Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños), Espasante (Ortigueira), O Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a de A Atalaia (San Cibrao, Cervo). Deste xeito, A Mariña e Ortegal consolidaríanse como territorios con especial abundancia deste tipo de construcións, albergando estas dúas comarcas catro das sete descubertas na comunidade, de certificar a arqueoloxía este novo achádego.

Castro da Maradona en Barreiros. MP

MARIÑA PATRIMONIO QUÉIXASE DO “BOICOT” DA XUNTA

Trala descuberta deste novo xacemento en Barreiros, e despois de comprobar que non figuraba no Catálogo de Bens Patrimoniais, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo informaron ao Servizo de Arqueoloxía de Santiago de Compostela sobre este achado así como dos movementos de terras que se tiñan realizado no lugar para ampliar pistas forestais.

Por outro lado, ante a posibilidade de que labores de repoboación puidesen afectar o xacemento, solicitáronlle á Dirección Xeral de Patrimonio (DPXC) que adoptase as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial. “Aínda que dende o Servizo de Arqueoloxía se contestou que daban traslado de todos os datos ao Servizo de Vixilancia e ao Servizo de Patrimonio de Lugo, tendo en conta a posible relevancia do achado e debido a que sistematicamente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural – Consellería de Cultura desatende as solicitudes nas que figura Mariña Patrimonio, ambas sociacións concertaron unha entrevista coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala da descuberta do novo xacemento así como do boicot da Xunta de Galicia“, concretan as agrupacións.

UNHA ESCAVACIÓN, NECESARIA PARA CONFIRMAR O ACHÁDEGO

Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo aseguran que, “grazas ás xestións realizadas por Ermida, un arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía de Santiago achegouse a Barreiros para inspeccionar o xacemento da Maradona. Trala inspección do lugar, o técnico de Patrimonio confirmou a existencia do castro e sinalou que a edificación que aparece no xacemento, pola súa morfoloxía e ubicación, podería tratarse dunha sauna, mais para poder aseguralo cumpriría facer unha escavación arqueolóxica“, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...